As redes sociais e os dispositivos tecnolóxicos teñen asociados compoñentes sociais onde mudou o concepto da nosa privacidade. Moitas apps "gratuítas" fan negocio cos nosos datos persoais, datos de uso ou creando unha identidade dixital onde filtrar os anuncios que nos poden ser más apetecibles.
Como falamos en outros capítulos, a violencia de xénero non está de costas a estes problemas, senón que provocou novos tipos de violencia dixital e violencia sexual que xa identificamos.
Imos afondar sobre os delitos de privacidade dixital sexual, os perigos de internet e recomendacións para evitalo.
9.1. Delitos de privacidade dixital sexual
Xa falamos dos diferentes tipos de ciberviolencia de xénero e violencia dixital, agora ímonos centrar no grooming, sextorsión, sexting, revenge porn e os delitos de privacidade.
Recollemos e ampliamos a información da web pantallasamigas.net, unha plataforma de fomento da cidadanía dixital responsable para a infancia e adolescencia.
Grooming:
O ciberacoso sexual a nenos, nenas e adolescentes, tamén coñecido como internet grooming ou child grooming é un problema en aumento. Isto débese á facilidade de comunicación que permite a rede e da dificultade para a supervisión parental da vida dixital. Estes factores posibilitan que os pederastas vexan en internet un contexto e unha ferramenta para perpetrar o súa acoso.
A táctica máis habitual é facerse pasar por menores de idade para poder contactar con nenas, gañarse a súa confianza e así lograr que lles envíen contidos sexuais. Unha vez que conseguen estes contidos chantaxean, ameazan e realizan sextorsión coa intención de pedir a cambio encontros físicos onde agredilas sexualmente.
Sextorsión:
A sextorsión ten a súa orixe na chantaxe realizada a partir da posesión por parte do chantaxista dunha imaxe íntima. A finalidade desta chantaxe adoita ser a obtención de diñeiro, o dominio da vontade da vítima ou a victimización sexual da mesma (moi común nos casos do internet grooming ou de ciberviolencia de xénero).
O contido pode ser conseguido a través de hackeo de aparellos tecnolóxicos.
Sexting:
O sexting consiste en enviar mensaxes, fotografías ou vídeos de carácter sexual a través de Internet, sendo a mensaxería instantánea e as redes sociais as canles máis utilizadas. Aínda que esta práctica é moi común na actualidade, as principais practicantes de sexting son adolescentes de entre 12 e 16 anos, aínda que tamén está moi estendida entre os adultos, ás veces constitúe un problema de privacidade. O principal problema do sexting é a difusión, cando unha imaxe sae dun teléfono móbil, pérdese o control dela. Non se pode saber quen, cando ou onde se viu.
A práctica do sexting está a experimentar un constante aumento e, como práctica de risco, está na orixe de numerosos problemas. Estes problemas poden ser legais, especialmente cando hai nenos e nenas implicados, relacionados coa privacidade ou o dereito á propia imaxe, co ciberbullying, co ciberacoso sexual e mesmo coa sextorsión.
Revenge Porn:
Tamén chamado pornovinganza ou porno vingativo. A publicación de imaxes pornográficas pode ter moi distintas finalidades. A pornovinganza, que ten como obxectivo último causar un mal a outra persoa que non consentiu o uso en público das súas imaxes íntimas, é o fenómeno que máis está a crecer e que crea unha maior victimización sendo as mulleres as afectadas en case todos os casos.
Unha cultura machista onde o exercicio da sexualidade feminina se percibe socialmente de maneira moi diferente ao equivalente por parte dos homes, e a normalización da gravación e intercambio de imaxes íntimas entre parellas son o caldo de cultivo para que a pornovinganza estea a cobrarse cada vez máis vítimas e constituíndo unha forma crecente de violencia de xénero sexual dixital.
Privacidade e protección de datos:
A privacidade e a protección de datos persoais, ademais de ser un dereito, é un factor de protección ante situacións de ciberacoso. Doutra banda, afecta a algo tan importante como a identidade e reputación dixital. Ademais do control da industria e as plataformas en liña, o fomento da cultura da privacidade é importante porque cada cal se ve afectado pola das demais persoas.
A nosa identidade dixital é moi importante á hora da nosa reputación persoal e profesional, repercute na opinión pública sobre nós á hora de buscar traballo e nas nosas relacións persoais.
O tema da privacidade é un dos grandes retos da sociedade tras a revolución que supuxo a tecnoloxía.
9.2. Perigos de internet
Aínda que falemos dos perigos da rede e das redes sociais, temos que ser conscientes de que o uso de forma responsable das novas tecnoloxías é algo positivo, útil e case imprescindible para a sociedade actual.
Facer fincapé nos perigos axuda a que posibles vítimas de violencias recoñezan o que lles ocorre e que poidan ter unha solución.
Un dos maiores perigos é o acceso de persoas menores de idade a calquera contido de forma automática, directa e gratuíta. Sen filtros e sen control. A determinadas idades as persoas non estamos capacidades para comprender e tomar de forma positiva e saudábel segundo que contidos consumimos.
Xa falamos dos problemas de consumir pornografía en idades temperás. Acceder a contidos para os que non estamos preparadas psicoloxicamente pode provocar danos enormes na autoestima, na forma de relacionarnos con outras persoas e incluso na nosa propia personalidade.
A parte da pornografía podemos poñer outros exemplos como acceder a contidos violentos, usos de armas, asasinatos, maltratos, terror ou calquera tipo de contido que, pola falta de madurez, poida repercutir de forma negativa na súa conduta ou personalidade.
Xa falamos do ciberacoso e ciberbullying, mais non podemos esquecer que as persoas adolescentes provocan e sofren moito este tipo de violencias a través das redes sociais. Un dos perigos é a exposición pública que facemos da nosa vida privada, das nosas fotos, vídeos e datos persoais. Os acosadores e maltratadores dixitais utilizan esta exposición pública para exercer o seu maltrato e violencia grazas ao anonimato e impunidade do eido dixital.
9.3. Recomendacións
En outros capítulos engadimos máis recomendacións que podes consultar en materia de violencia de xénero, ciberviolencia e control a través das redes sociais.
Para evitar perigos de privacidade podes probar por limitar o aceso aos teus perfís de redes sociais, para así saber e coñecer a todas as persoas que poden ver os teus contidos. Tamén ten coidado con publicar datos persoais, direccións, números de teléfono ou información persoal confidencial que te poida comprometer. Antes de publicar ou compartir contidos pénsao e revísao dúas veces para estar completamente segura de facelo.
Desde o auto coidado, a aceptación persoal e a alta autoestima podemos afrontar con máis tranquilidade os posibles problemas e casos de violencia dixital. Nunca teñas medo de pedir axuda á túa familia, amizades, parella ou quen consideres oportuno se sofres algún problema de ciberacoso, ciberbullying ou violencia dixital.
Recollemos algúns consellos sobre o sexting, a sextorsión e o grooming:
Coñecer e recoñecer a gran difusión que poden ter os arquivos na rede.
Comprender que ter o permiso para sacar ou recibir unha foto de alguén para uso privado non quere dicir que se teña permiso para difundila.
Saber que aínda que mande os arquivos a un amigo ou parella de forma privada, terceiras persoas pódense facer con elas con fins nocivos.
Coñecer os métodos que usan os delincuentes para acceder aos arquivos privados.
Rastrexar o ordenador ou dispositivo en procura de software malicioso e eliminalo.
Se crees que alguén pode estar a sufrir chantaxe, usa o diálogo e a comprensión. É un tema serio que debe ser tratado.
Se coñeces a alguén que sufre sextorsión ou grooming, ou o sofres ti mesma, garda todas as probas da chantaxe e denuncia.
Restrinxe o uso da webcam e tápaa cando non estea en uso. Os malwares (softwares maliciosos) poden acceder a ela.
Pide axuda a profesionais especialistas
Fontes: A web pantallasamigas.net, a Delegación del Gobierno para la Violencia de Género, a web violenciagenero.igualdad.gob.es do Ministerio de Igualdade do Goberno de España, a web ciberacoso.net e a web educaryaprender.es