top of page

MullerCerceda - Capítulo 8: As relacións de parella e as RRSS

En capítulos anteriores abrimos a porta ao tema da violencia de xénero nas novas tecnoloxías e as redes sociais. Falamos de tipos de ciberviolencia de xénero dixital e todo o que acontece no eido dixital.


Imos a afondar no tema dos modos de control ás vítimas de ciberviolencia de xénero, dos celos e a inseguridade e de como construír límites sans e acordos dentro das parellas.



8.1. As RRSS e modos de control

As redes sociais convertéronse nunha ferramenta moi útil para a sociedade, mais tamén son unha porta aberta para que os maltratadores exerzan novos modos de control e dominancia sobre as vítimas.


Xa vimos algúns dos novos tipos de violencia de xénero no mundo dixital, pero tamén é necesario coñecer e recoñecer actitudes que as vítimas poden normalizar.


Recollemos unha lista de sinais de que podes estar sufrindo violencia de xénero dixital por parte da túa parella:

  • Controla o teu móbil e o que fas nas redes sociais:

Se te revisa as fotos que tes, as apps que instalas, as chamadas que fas e recibes, se te obriga a revisar o historial de busca das redes sociais, se controla que lle das "gústame" ou algunha actitude semellante.

  • Interfire ou intervén nas túas conversacións con outras persoas:

Hai algunha rede social onde se poden manter conversacións públicas. Se sempre que estás falando con alguén intervén coa intención de "marcar terreo" de forma posesiva estás sufrindo ciberviolencia de xénero. Se te colle o móbil cando estás falando con alguén para facer o mesmo mais en conversacións privadas é unha actitude aínda máis perigosa.

  • Espía o teu móbil:

Se te colle o teu móbil ás agochadas para espiar o que fixeches ou faino a través dalgún programa informático malicioso ou app. Se tes dúbidas de estar recibindo este tipo de ciberviolencia revisa as apps instaladas, cambia cada certo tempo os contrasinais e acude a algunha profesional.

  • Censura e critica as fotos que publicas ou compartes en redes sociais:

Se te coarta, limita ou ameaza se compartes ou publicas calquera tipo de contido nas redes sociais. Se vai acompañado de chantaxes emocionais, se te fai slutshamming (tachar de prostituta) ou se ten actitudes agresivas cando o fas.

  • Esixe coñecer a túa xeolocalización para controlar onde estás:

Se te pide a "localización en tempo real" en algunha app para saber sempre onde estás, se te pide o historial de localización de apps de "mapas" ou se utiliza algún software para conseguilo.

  • Obrígate a enviarlle imaxes íntimas:

Se te insiste para que lle envíes fotos subidas de ton pese ás túas negativas. Lembra que isto tamén pode derivar en tipos de ciberviolencia de xénero como a sextorsión ou revenge porn.

  • Comprométete para recibir as túas chaves e contrasinais:

Se utiliza calquera escusa para pedir o código de desbloqueo do teu móbil como unha falsa urxencia por algo, ou algún momento en público que parece inofensivo (mais non o é) como sacar unha foto ou te insiste en coñecelo. Todo isto sempre e cando ti non decidas libremente facelo.

  • Obrígate a que lle ensines un chat con outra persoa:

Se non mostra confianza en ti e te obriga a que lle ensines unha conversación e concreto por celos. Se a túa negativa a facelo deriva nun enfado ou situación agresiva.

  • Mostra enfado por non ter unha resposta online inmediata:

Algunha app mostra se estás "en liña" ou se liches a mensaxe. Se te pide explicacións e se enfada por non responder de forma rápida podes estar sufrindo ciberviolencia de xénero.



Estas son algunhas sinais e exemplos, aínda que non todas teñen a mesma gravidade nin todas son sempre ao 100% violencia de xénero, valen como referencia para que cada persoa poida recoñecer o grado de importancia que teñen para si.



8.2. Os celos e a inseguridade

Se nos fixamos nos exemplos e situacións nas que podemos estar sufrindo ciberviolencia de xénero e maltrato relacionado coas redes sociais e modos de control, moitas delas teñen un transfondo relacionado cos celos e a inseguridade. Unha cousa importante da que falan moitas psicólogas é dos mitos acerca do concepto "celos". Os celos como tal, son unha emoción, e as emocións non son ni positivas nin negativas. O importante é a xestión que se fai das emocións e as actitudes ou actos nos que derivan.


Para poñer isto en contexto imos falar sobre un concepto, o chamado "amor líquido", termo desenvolto polo sociólogo e filósofos Zygmunt Bauman. Este concepto "líquido" refírese en forma de metáfora, a como é a sociedade actual. Fluidez, cambio, flexibilidade e adaptación dentro dun mundo de cambios continuos e irrecuperables e sen fixarse en ningún espazo ou tempo.


Levado á práctica estamos falando de autonomía e liberdade persoal, mais tamén fala dunha soidade, angustia e pánico das persoas a sentirse perdidas. No eido das relacións sentimentais estamos falando de fraxilidade, superficialidade e caducidade dos vínculos.


Entendendo que a sociedade actual ten como filosofía romántica o amor líquido, podemos comprender que a inseguridade e os celos sexan un factor dominante na personalidade dunha persoa, xa que, como xa comentamos, calquera vínculo comeza por unha alta autoestima e amor propio. Este amor líquido de Bauman tamén se aplica á relación que temos con nós mesmas, e ante esa fraxilidade afloran as inseguridades e celos e a nosa actitude ante estas emocións.


Todas as persoas poden ter nalgún momento determinada esta emoción. Sentir celos é algo natural, o que non pode é converterse en desconfianza, control, chantaxe, dependencia emocional, medo ou maltrato e violencia de xénero. A nosa xestión dos celos pode convertelos en una actitude tóxica e prexudicial, algo que mina a autoestima propia e desgasta a saúde mental da outra persoa.


Se, pola contra, falamos abertamente e desde a asertividade das nosas emocións coa outra persoa, escoitando activamente e buscando unha solución, estamos actuando con responsabilidade afectiva.


Se unha persoa, a causa da súa xestión dos celos, te controla, limita, desconfía, inhibe, manipula... está convertendo esa emoción en diferentes tipos de maltrato e violencia.



8.3. Límites sans e acordos nas parellas

En capítulos anteriores falamos sobre como ter unha relación sa e como establecer vínculos saudábeis, e explicamos a necesidade de establecer límites e acordos nas parellas.


Cando falamos de límite e acordos estamos referíndonos a establecer uns pactos explícitos onde cada persoa expoña as súas necesidades persoais para que se teñan en conta e se respecten na relación. Non se trata de facer un "contrato", senón de auto coidado, respecto, comunicación e responsabilidade afectiva.


Este tipo de límites non só son saudábeis no ámbito da parella, poden aplicarse a outros vínculos afectivos, familias, amizades, no traballo ou incluso con nós mesmas. Hoxe en día está a "moda" das coñecidas como red flags, que en algunha rede social se utiliza con 🚩🚩🚩🚩🚩emojis, e que se refiren a "bandeiras vermellas" que simbolizan actitudes, comentarios ou calquera cousa que supón algo co que nunca poderían lidar nun vínculo ou relación.


Algúns exemplos de límites sans son:

  • Non me apetece facer X cousa, entendo que a ti si e respéctoo.

  • Non me gusta esta práctica sexual e non vou a volver a facela.

  • Non admito que cuestiones os meus sentimentos.

  • A miña privacidade é fundamental para que a relación funcione.

  • Preciso ter o meu espazo e ocio individual.

  • Agora mesmo estamos moi nerviosas, deixamos a conversación para dentro dun rato?

  • É importante para min falar do que aconteceu.

Se cres que é difícil incorporar de golpe todo isto, proba a dicir máis veces "non", a dicir sen medo "non me apetece" ou "esa non é a miña responsabilidade".


Hai que explicar tamén que cada persoa é libre de escoller e decidir cales son os seus propios límites e de establecer os acordos que precise ou vexa necesarios. Isto ten que ir da man das necesidades persoais de cada unha de nós, mais lembra sempre falar desde o auto coidado, a asertividade, a empatía e a responsabilidade afectiva.


Moitos destes límites e acordos nas relacións de parella poden estar vinculados ás redes sociais. Xa sabemos recoñecer actitudes e sinais de alerta de estar sufrindo maltrato relacionado coas ovas tecnoloxías, e se á hora de intentar establecer estes límites reacciona de forma negativa, agresiva ou te intenta manipular é a hora de reformularse que está acontecendo na túa relación ou vínculo e se podes estar sufrindo violencia de xénero.


Fontes: Libro "Amor Líquido" do sociólogo e filósofo Zygmunt Bauman, a Delegación del Gobierno para la Violencia de Género, a web violenciagenero.igualdad.gob.es do Ministerio de Igualdade do Goberno de España e Marta Martínez Novoa (Psicóloga experta en violencia de xénero)



bottom of page