top of page

MullerCerceda - Capítulo 7: Ciberviolencia de xénero

A chegada das novas tecnoloxías supuxo unha enorme revolución en todos os ámbitos da sociedade. Cambios no eido social, cultural, informativo, relacional, emocional, laboral... que modificaron os tipos de condutas e procedementos de formas de relacionarse e interactuar entre persoas.


Neste novo ámbito e na contorna das redes sociais, están xurdindo unha serie de problemas relacionados coa violencia dixital, coa violencia social e coa violencia de xénero.


O anonimato, a facilidade para facer dano, o contacto permanente coa vítima e a impunidade das accións de ciberbullying provocan unha corrente de hate (odio), violencia, discusións dixitais e, por desgracia, novas formas de violencia de xénero.


Os agresores dixitais teñen moito en común co perfil do maltratador que vimos en capítulos anteriores, xa que a premisa segue sendo a percepción dunha visión machista patriarcal na que (coa benevolencia das redes sociais) se permiten insultos, menosprezos, faltas de respecto e diferentes tipos de violencia sexual dixital.



7.1. Tipos de ciberviolencia de xénero

A violencia de xénero dixital é unha nova forma de exercer maltrato e violencia contra a muller que afecta potencialmente a colectivos vulnerables como á adolescencia. Non só afecta, senón que unha das características máis preocupantes é que este tipo de violencia de xénero dixital está maioritariamente exercido e provocado polos propios adolescentes.


É frecuente que este tipo de conductas non sexan recoñecidas como perigosas ou prexudiciais xa que as consideran molestias irrelevantes e non invasivas. As redes sociais son un ámbito onde a poboación máis nova se atopa moi cómoda e sen "limitacións" impostas en outras contornas.


Comentamos unha escolma de novos tipos de maltrato, violencia de xénero e violencia sexual dixitais:

  • Ciberacoso:

Tamén chamado ciberstalking supón unha intromisión na vida íntima dunha persoa utilizando medios dixitais, internet e teléfonos móbiles. O agresor exerce dominancia sobre a vítima mediante ameazas, humillacións, vexacións ou outros tipos de acoso á privacidade e intimidade da vítima.

  • Ciberbullying:

Termo relacionado co ciberacoso mais neste caso referido a cativas ou adolescentes. Refírese máis concretamente a insultos, violencia verbal e publicacións de imaxes ou contidos da vítima para ridiculizala.

  • Sextorsión:

Utilizar imaxes ou vídeos íntimos para chantaxear, ameazar con difundilas ou pedir unha contrapartida en forma de favor sexual para non publicalas.

  • Revenge Porn:

Unha forma de sextorsión na que unha parella ou ex-parella publica contidos íntimos de carácter sexual como vinganza. É unha das formas de violencia máis perigosas, xa que causa danos psicolóxicos moi graves que se relacionan de forma directa con moitos casos de suicidios de mulleres e nenas despois de sufrir este tipo de violencia.

  • Grooming:

Este tipo de violencia está exercida por adultos que simulan ser menores nas redes sociais para gañarse a confianza dunha menor coa intención de facerlles sextorsión. O pederasta trata de conseguir un encontro físico onde agredir sexualmente á vítima.

  • Explotación sexual dixital:

Obrigar a utilizar a cámara dun dispositivo para facer sexcam. é un tipo de sextorsión.

  • Violacións da privacidade:

Exemplos como o doxing ou envío de documentación privada, e unha violación aos dereitos dunha persoa que pode provocar que un maltratador consiga a dirección ou número de teléfono dunha vítima de violencia de xénero. Este termo engloba prácticas como o seguimento da localización por apps de xeolocalización.

  • Exhibicionismo online:

Envío de imaxes de carácter sexual que fai ver de forma obrigatoria á vítima sen existir unha petición ou sequera coñecerse.

  • Ghosting:

Un corte repentino e sen explicación nunha conversación dixital entre persoas que teñen algún tipo de vínculo afectivo ou sexual. Non se percibe como tal, mais é un tipo de maltrato psicolóxico e un acto de unha nula responsabilidade afectiva que se da nas apps de mensaxería instantánea.




7.2. Prevención da ciberviolencia


A prevención da ciberviolencia ten moitos puntos en común coa propia prevención da violencia contra a muller e violencia de xénero que vimos en capítulos anteriores, e recomendamos a súa lectura e posta en práctica.


A guía sobre Ciberacoso do Ministerio de Igualdade do Goberno de España fala sobre a necesidade de establecer institucións, equipos de traballo e investigacións que elaboren técnicas de prevención específicas para a ciberviolencia. Non existen grandes estudos nin guías que traten este tema de forma concreta, xa que estamos a falar dun fenómeno relativamente recente.


A grandes trazos podemos falar da necesidade de educación e formación nas novas tecnoloxías e modos de control, para concienciar e educar no uso responsable das redes sociais e dispositivos electrónicos expoñendo os riscos e problemas derivados dos mesmos.


Coñecer e recoñecer os diferentes tipos de ciberviolencia de xénero pode axudar á hora de decatarse se estamos sufrindo ou se estamos provocando algún de eles, ou tamén axuda á hora de detectar se alguén próximo está a sufrilos para poder actuar.


Existen tamén diferentes actitudes e decisións persoais que actúan como prevención do ciberacoso. Cando decides non facer comentarios sobre o físico dunha persoa, sobre a súa situación económica, sobre a maneira de vestir, sobre a orientación sexual ou outras calidades de forma negativa, diante de calquera, mais sobre todo diante de nenos pequenos, están prevendo que simulen estas actitudes nas vida real e nas redes sociais.


Tamén podemos pór en práctica actitudes de auto coidado nas redes sociais como bloquear a contas que te acosan, que son irrespectuosas, que só buscan facerte dano ou simplemente que non queiras que saiban nada de ti.


No último capítulo desta guía aportaremos referencias para que poidas afondar neste tema.



7.3. Misoxinia nas RRSS


Unha das conclusións ás que chega a guía sobre Ciberacoso do Ministerio de Igualdade do Goberno de España é que son as mulleres quen máis sofren a ciberviolencia, aínda que tamén moitos homes a sofren. Máis en concreto as mulleres adolescentes son o colectivo máis afectado, e sendo as vítimas de máis de 21 anos ás que sofren este proceso de forma máis dramática.


A misoxinia defínese como o odio, rexeitamento, aversión e desprezo dos homes cara ás mulleres e, en xeral, cara a todo o relacionado co feminino.


Non é casual que moitos dos tipos de ciberviolencia sexual dixital ou ciberviolencia de xénero estean personificados en mulleres. Como falamos en capítulos anteriores existe unha violencia machista estrutural contra a muller, que se traduce en formas de maltrato e violencia de xénero da que as redes sociais son cómplices.


O Institute for Strategic Dialogue, lanzou un estudo chamado ‘‘Social Media Fails Women’ onde se analizan as redes sociais pertencentes a Meta (Facebook) son as que menos interese manifestan e demostran á hora de previr e frear a misoxinia e discursos de odio cara as mulleres, sabendo incluso que estas están a producirse.


Este estudo apóiase na propia filtración por parte da compañía nas súas políticas internas, onde recoñecen que o algoritmo posiciona e potencia os contidos misóxinos, racistas e que xeran discusións.


Un exemplo de desprezo é a continua cousificación que sofren as mulleres e as nenas polos contidos ou fotografías que suben ou comparten nas redes sociais. Basta con explorar calquera rede social para atopar fotos con comentarios sexistas, sexuais, insultos, vexacións e todo tipo de menosprezos polo simple feito de ser mulleres.


Moitas mulleres influencers fan unha queixa pública de todos os comentarios que reciben, as mostras de exhibicionismo online, o slutshamming (tachar de prostitutas) e todos os famosos memes que tras a falsa cortina do humor esconden unha misoxinia implícita.


Fontes: Estudo ‘‘Social Media Fails Women’’ do Institute for Strategic Dialogue; Ministerio de Igualdade do Goberno de España, a guía "El ciberacoso como forma de ejercer la violencia de género en la juventud: un riesgo en la sociedad de la información y del conocimiento." da Delegación del Gobierno para la Violencia de Género a web violenciasexualdixital.info, a web pantallasamigas.net, a web ciberacoso.net e Marta Martínez Novoa (Psicóloga experta en violencia de xénero)



bottom of page