top of page

MullerCerceda - Capítulo 6: O "amor romántico" e a violencia de xénero

Unha das grandes mentiras das relacións entre persoas é o estereotipo clásico do "amor romántico". Moitas das actitudes e conceptos que historicamente se asociaron a un "amor verdadeiro" son sinónimo de violencia de xénero e de todos os problemas asociados.


Xa falamos de relacións tóxicas e saudábeis, neste capítulo repasamos os mitos do amor romántico e afondamos sobre os conceptos de responsabilidade afectiva e autoestima, que son clave para construír vínculos e relacións satisfactorias.



6.1. Mitos do amor romántico

Todas vimos nalgún momento da nosa vida a típica película, ou limos un libro, unha revista ou unha vimos unha serie chea dos estereotipos clásicos de amor romántico. Sen ser conscientes temos instaladas na sociedade moitas actitudes e mitos sobre como debe ser o amor que fan moito dano e que son sinónimo de violencia de xénero.


O esquema deste tipo de historias repítese:

  • Mozo atopa unha moza.

  • Mozo engana e perde á moza.

  • Mozo recupera á moza.

Co paso do tempo este esquema modernizouse sendo a moza a protagonista da historia ou incluíndo parellas do mesmo sexo, mais o esquema e o fondo seguen sendo os mesmos.


Inconscientemente asociamos moitos destes clixés ás nosas relacións sentimentais, sexuais ou de parella. Seguir estes patróns de comportamento lévanos a aceptar faltas de respecto, relacións desiguais, problemas de confianza e todas aqueles puntos dos que falamos que son necesarios para ter unha relación sa.


E non estamos falando de problemas puntuais nas parellas, senón que falamos de actitudes que poden converterse en preludio de violencia de xénero. Como xa explicamos no ciclo da violencia de xénero, o maltrato comeza cun "goteo" destas actitudes que van minando a personalidade e autoestima da vítima.


Os mitos do amor romántico tamén afectan á propia concepción do entendido como rol feminino ou rol masculino clásico, que tanto dano provoca e que permite que o machismo persiga instalado de forma estrutural na sociedade.


Repasamos e comentamos algúns dos mitos do amor romántico:

  • O amor todo o pode:

A crenza de que hai que soportar todo por amor, de que todo se pode perdoar por amor e de que o amor é algo case omnipotente.


Aprendemos que calquera cousa que nos fagan se pode perdoar por amor, da igual a magnitude, de forma inconsciente buscamos o "final feliz" e unha reconciliación se saber que posiblemente se trate, en maior ou menor medida, da fase "lúa de mel" do ciclo da violencia de xénero,


Normalizamos o conflito e consideramos incluso compatible co amor facer dano ou agredir. Vivir nun bucle de discusións e reconciliacións é un dos síntomas de estar dentro dun relación tóxica e posiblemente sufrindo maltrato e violencia de xénero.


Aceptar e tolerar estes comportamentos ten que ver coa crenza do "cambio por amor" e as promesas de que esas faltas de respecto non se van volver a producir.


Non se trata de non aceptar ou permitir ningún erro por parte de outras persoas, senón de ter a capacidade de analizar como de grave é e como nos pode afectar. A partir de este punto; o diálogo, comunicación fluída e honestidade son as claves para afrontar os problemas.

  • A media laranxa:

Crer que temos a nosa parella predestinada ou que é a nosa única opción para escoller na vida é un dos mitos máis clásicos e perigosos. O concepto "media laranxa" ten implícito unha mensaxe de que estamos incompletas. A mensaxe de que precisamos de alguén que nos complemente para sentirnos felices e socialmente aceptadas.


Hai unha crenza inconsciente de que so hai un "amor verdadeiro" na nosa vida, que adoita asociarse ao primeiro, e que se o deixamos pasar nunca atoparemos nada igual. A típica historia de "levan como parella desde a adolescencia, que bonito".


Non todos os casos son iguais, mais si que é vox pópuli que algunhas das relacións consideradas "bonitas" levan detrás un tormento de problemas que se asocian á violencia de xénero e que se relacionan co punto anterior de "o amor todo o pode".


Construír unha relación cunhas bases saudables e sendo conscientes de que os vínculos poden romperse se non son satisfactorios por moito que haxa amor é algo que temos que ter presente sempre.

  • As que se pelexan, deséxanse:

Esta frase foi moi repetida nos colexios mentres as nenas eran moi pequenas. Non fai falla explicar o enormemente perigoso desta expresión, dita ademais en idades cativas que van a asociar ese patrón de comportamento nas súas relacións.


Hai moitos máis mitos como o "príncipe azul", crer que os celos son algo normal nunha relación, o concepto de "exclusividade" ou o amor "a primeira vista" son algúns exemplos.


Coñecer, recoñecer e traballar en mellorar actitudes históricas é un dos exercicios de prevención da violencia de xénero que calquera persoa pode aplicar de forma individual.




6.2. Responsabilidade afectiva

A responsabilidade afectiva trátase de comprender que as nosas accións, actitudes e decisións afectan a outras persoas e, polo tanto, debemos ser conscientes do dano que podemos provocar e intentar ferir o menos posible á outras persoas.


Nin facerte dano a ti mesma nin provocarllo aos demais. Moitas veces simplemente cambiando o enfoque dunha frase estamos sendo responsábeis afectivamente, tratando de non caer en erros de emitir silencios, responder con monosílabos ou evasivas.


En lugar de dicir "para xa! estás gritando moito e vasme volver tolo..." proba a dicir "poderías falar un pouco máis baixo por favor? Estame molestando o volume que estás empregando".


O concepto responsabilidade afecta ten moito que ver coa asertividade, que explicamos en anteriores capítulos, unha habilidade social que consiste na capacidade para relacionarse e comunicar as túas ideas e sentimentos sen ferir á outras persoas.


Ser responsable afectivamente tamén ten que ver coa honestidade coa que expresamos os nosos sentimentos. Sempre desde o respecto, é completamente lícito que fales sobre o que sentes, sobre o que queres, esperas ou que non dunha relación, independentemente do tempo e duración da mesma.


Sónate o concepto "pagar con alguén algo"? Unha persoa que tivo un mal día, un problema no traballo ou simplemente está de mal humor e "paga" iso con alguén. É un exemplo claro do que NON É ter responsabilidade afectiva. Un bo exemplo para isto sería tratalo desde o auto recoñecemento dos sentimentos e a honestidade, "perdoa pero hoxe teño un moi mal día, pasoume x cousa e se me notas diferente que saibas que non é por ti."


6.3. Autoestima

A autoestima é o conxunto de percepcións, pensamentos, sentimentos e comportamentos dirixidos cara a propia persoa, a forma de ser e comportarse e o carácter.


Cando falamos de autoestima falamos de amor propio, de confianza nunha mesma e dun equilibrio na percepción que temos de nós mesmas. Este termo xa o utilizamos varias veces en capítulos anteriores, xa que os problemas de autoestimas son unha das consecuencias derivadas do maltrato psicolóxico e demais tipos de maltrato das vítimas da violencia de xénero. Como vimos, un dos tratamentos de recuperación nos casos de maltrato é traballar a autoestima de vítima.


Unha persoa con baixa autoestima podemos definila polas seguintes características:

  • Pouco segura de si mesma

  • Ten dificultade para tomar decisións

  • Moi autocrítica

  • Indecisa

  • Compárase con outras persoas

  • Busca aprobación constante

Existe tamén un estudio que vincula a mala saúde física e os problemas de baixa autoestima, Nyamathi, Stein & Bayley (2000), polo tanto podemos incluír a saúde física como unha característica común en mulleres vítimas de violencia de xénero e de maltrato físico.


Se te sentes identificada con algunha de estas características non te alarmes, calquera persoa ten que estar continuamente traballando a súa propia autoestima e pode haber momentos mellores e peores, o importante e que sexas consciente do punto no que estás.


É importante manter un equilibrio no amor propio, buscar unha alta autoestima pero sen pasarnos, porque poderíamos caer no narcisismo, a antítese da baixa autoestima. O narcisismo consiste nunha desmesurada e esaxerada visión positiva de nós mesmas.


Unha autoestima saudábel (e alta) constrúese:

  • Desde a aceptación persoal

  • Traballando nos defectos que detectas que tes

  • Mellorando e recoñecendo os erros que cometes

  • Mimándote e coidándote

  • Recoñecendo os teus propios éxitos

  • Expresando os teus sentimentos, pensamentos e emocións (con asertividade) sen medo ao que pensen os demais.

Fontes: Violencia de género y autoestima: efectividad de una intervención grupal (Colexio Oficial de Psicoloxía de Andalucía Occidental); Nyamathi, AM, Stein, JA y Bayley, LJ (2000). Predictores de angustia mental y mala salud física entre mujeres sin hogar. Psicología y Salud; e Marta Martínez Novoa (Psicóloga experta en violencia de xénero).



bottom of page