top of page

MullerCerceda - Capítulo 5: Relacións sentimentais ou de parella tóxicas

Recoñecer se estamos dentro dunha relación tóxica, ou se a tivemos, pode axudarnos na prevención da violencia de xénero, tanto de sufrila como de exercela. Xa vimos as características dun maltratador no capítulo anterior, e como podes imaxinar, moitas delas son sinónimo de relación tóxica.


Aínda que o concepto "tóxico" pode aplicarse a moitos vínculos sentimentais, familiares, sociais ou laborais; neste caso ímonos a centrar no ámbito das parellas.



5.1. Relación tóxica como preludio da violencia de xénero


Unha relación tóxica, ou unha relación onde hai comportamentos tóxicos, enténdese por un relación pouco saudable na que unha ou todas as partes están sufrindo dano ou malestar. Experiméntanse sentimentos de insatisfacción e infelicidade pese que a poidan existir momentos mellores.


Neste tipo de relacións existe un alto grado de (co)dependencia emocional e falta de límites sans así como necesidade de aprobación continua e celos mal xestionados. Existen máis características que son comúns a este tipo de vínculos entre persoas, mais centrándonos no caso das relacións tóxicas preludio de situacións de maltrato e violencia de xénero existen algúns que as definen.


Neste caso, como xa explicamos en capítulos anteriores, o agresor ou maltratador é dominante e a vítima submisa. Non significa que todas as relacións tóxicas sexan sinónimo de violencia de xénero, mais é un dos factores de risco que pode ser o preludio de casos de maltrato.


Algunhas características dunha parella tóxica:

  • Discusións e a actitude ante elas: O agresor adoita ser moi susceptible e ter reaccións emocionais desmesuradas. Se algo lle molesta, culpabiliza á vítima e castígaa con desprezos, enfados ou silencios. A vítima sofre continuamente porque non sabe se algo do que di ou fai pode molestarlle. A medida que avanza a relación a vítima trata de evitar discusións renunciando á súa propia personalidade e a forma de expresarse e actuar que tería. O obxectivo é evitar posibles problemas ou tensións.

  • Celos e posesividade: O agresor e a súa desconfianza fai que a vítima abandone a súa vida social nun intento de evitar eses problemas. É o expoñente máis claro do erro do estereotipo clásico de "amor romántico".

  • Conflitos e falta de comunicación: Discusións constantes e sen motivo xunto co medo a expresar as túas preocupacións e sentimentos por temor a máis enfados ou menosprezos.

  • Desilusión e culpabilidade: Estar en conflito permanente, sentir medo, non ser ti mesma ou finxir estar ben provocan decepción e desilusión. Normalmente a vítima séntese culpable e responsable dos problemas, a pesar de facer o posible porque vaia ben.




5.2. O ciclo da violencia de xénero


Unha das preguntas máis habituais que se fan as vítimas de violencia de xénero é por que non se decataron de que a súa relación era tóxica nin de que estaban a sufrir violencia de xénero.


Existe unha teoría de que as relacións onde ocorre este tipo de violencia son cíclicas, e que adoita producirse en 3 fases, que da resposta a por que unha muller non é consciente en todo momento de sufrir maltrato.


Fases do ciclo da violencia de xénero:

  • 1. Fase de acumulación de tensión. A vítima nota ao agresor cada vez máis susceptible, quen responde de xeito agresivo e buscando o conflito. Nesta fase poden producirse agresións verbais ou psicolóxicas, así como agresións físicas leves. Nótase unha crecente tensión froito da ira, provocación e/ou celos do agresor. A vítima comeza a illarse das persoas que poderían axudala.

  • 2. Fase de explosión ou agresión. Esta é a fase onde máis tensión e conflito suceden, desembocando en un nivel extremo de violencia, ameazas, golpes, uso de armas ou abusos e agresións sexuais. A vítima adoita illarse e negar os feitos, ás veces incluso quitándolle culpa ao maltratador. Psicoloxicamente atrapada e con medo que lle impide opoñer resistencia.

  • 3. Fase de arrepentimento ou Lúa de Mel. Aquí desaparece a tensión e a violencia. O agresor cambia de actitude, pide perdón e móstrase cariñoso, afectuoso e arrepentido. Utiliza expresións como "vou a cambiar", "sen ti non son nada", "non vai a volver a pasar" até incluso ao mesmo tempo culpabilizar á vítima pola súa conduta facendo que ela mesma dubide de si mesma.

Esta última fase é onde máis se maltrata psicoloxicamente á vítima, xa que se xera unha ilusión porque todo cambie e intenta convencerse de que a situación violenta non volverá suceder. Aí é onde se mostra claramente a dependencia emocional mutua, xa que cada vez máis o proceso repítese e as fases 1 e 2 son cada vez máis breves, chegando a desaparecer a fase de arrepentimento.


Estas fases fan comprender o "círculo vicioso" no que cae unha vítima de violencia de xénero e responde á pregunta de porque non se decatan de que están a sufrir maltrato. Comprender e recoñecer este ciclo de violencia pode axudar a moitas vítimas a identificarse como tales e poder tomar a determinación de pedir axuda ou cortar a relación.




5.3. Como ter unha relación sa


Tendemos a centrarnos en identificar e aprender sobre comportamentos nocivos ou tóxicos mais non podemos esquecernos das características e comportamentos para ter vínculos saudábeis.


Coñecer estas actitudes pode axudar a identificar en que punto está a nosa relación ou vínculo.

  • Respecto: Aceptamos á outra persoa tal e como é. Valoramos e sentímonos valoradas, e nin cambiamos nós nin tratamos de cambiar.

  • Comunicación: Falar abertamente, con asertividade e responsabilidade afectiva sobre os problemas que poidan xurdir. Unha parte moi importante da comunicación e á escoita activa da outra parte, para ver que ten que dicir e non para rebater o argumento.

  • Confianza: Crer na persoa ao 100%, sen "peros" e sen adiantar decepcións que non teñen porque ocorrer.

  • Independencia: As persoas precisan de tempo para elas mesmas ou para divertirse con outras. Respectar e entender os tempos propios sen iso que signifique que somos menos importante para a outra parte.

  • Honestidade: Moitos conflitos ocorren cando non somos honestas ou claras nas nosas opinións ou sentimentos.

  • Igualdade: Unha relación saudábel constrúese desde os iguais. As necesidades, as decisións ou a resolución de conflitos son exemplo onde debe haber unha igualdade real.

  • Apoderamento: Ambas partes se nutren das boas noticias, dos éxitos ou logros que aportan satisfacción e felicidade. Entender unha relación ou vínculo sen apoderamento mutuo debería ser motivo de reflexión.

Calquera vínculo ou relación de parella debería ter como base estes conceptos básicos para ter unha boa saúde. Non importa en que punto estea a relación ou o tipo da mesma. Temos as ferramentas para recoñecer comportamentos tóxicos (e corrixilos) e tamén coñecemos os saudábeis, mais tamén debemos traballar os límites que marcamos no vínculo e o concepto de responsabilidade afectiva.


Marcar uns límites sans e uns acordos na relación non debe supoñer nin un problema nin unha discusión, trátase dun diálogo e comunicación fluída para deixar claros os teus sentimentos e necesidades. Non se trata de algo pechado e inamovíbel senón que é verbalizar moitos dos puntos que tratamos nas actitudes anteriores.


Non todos os acordos ou límites valen, teñen que estar construídos desde as actitudes anteriores e entendendo e coidando os sentimentos de todas as persoas. Non aceptes nin propoñas límites que estean disfrazados de manipulación ou chantaxe emocional que moitas veces se confunden con actitudes positivas.


Algo importante a destacar é que toda relación ou vínculo que iniciemos ten que xurdir desde un bo concepto de amor propio e autoestima, a primeira relación saudábel que temos que ter é con nós mesma, e a partir dela construímos outros vínculos.


Tamén debemos lembrar sempre que NON somos as responsables de sufrir violencia de xénero, a culpa SEMPRE é do agresor e maltratador.


Fontes: Consellería de Igualdade da Xunta; Injuve: La violencia de género en los jóvenes. Una visión general de la violencia de género aplicada a los jóvenes en España; e Marta Martínez Novoa (Psicóloga experta en violencia de xénero)



bottom of page