top of page

MullerCerceda - Capítulo 3: Como actuar ante o maltrato, como acreditalo e recomendacións

Nos capítulos 1 e 2 vimos os tipos de violencias e a súa repercusións, mais que ocorre cando estou a sufrir violencia de xénero?


O primeiro é saber como actuar no momento no que está ocorrendo a situación de maltrato ou cando cres que pode ocorrer e despois precisamos acreditalo.


Moitos dos problemas que se atopan as mulleres que sufren maltrato é como acreditan que están a sufrilo, xa que como explicamos anteriormente poden ser diferentes tipos de violencia. Incluso existindo agresións físicas con danos é importante que sigas unhas recomendacións.


Recollemos e ampliamos a información da guía de Igualdade da Xunta de Galicia e da páxina de violencia de xénero do Goberno de España, onde enumeran os pasos, recomendacións e métodos a seguir para actuar ante o maltrato e como acreditalo.




3.1. Actuacións cando se produce unha agresión


Se sofres unha agresión é necesario que realices algunhas actuacións que serán de gran utilidade nos procedementos xudiciais, penais ou civís, que inicies con posterioridade. A maioría destas actuacións tenden a que quede probada a realidade da agresión e outras teñen como finalidade a túa protección.

  • Chama á policía (091) ou á garda civil (062), dá o teu nome e o enderezo onde te atopas e solicita axuda. Mentres chega a patrulla é conveniente que sigas rigorosamente as súas indicacións. É posible que a policía ou a garda civil procedan á detención do agresor, trasladándoo á comisaría.

  • Se podes, avisa a algún veciño/a ou familiar que poida presenciar e posteriormente declarar como testemuña no procedemento xudicial sobre:

1º.- O teu estado físico (golpes, feridas, erosións, inchazóns, etc.)

2º.- O teu estado anímico (medo, angustia, etc.) logo da agresión.

3º.- A situación física e anímica dos fillos e/ou fillas.

4º.- Os danos producidos na vivenda, as roupas, o enxoval...

5º.- A actitude do agresor.

  • Recolle e garda toda a documentación persoal, túa e dos teus fillos e fillas (DNI, tarxeta de residencia ou pasaporte, libro de familia, carta ou tarxetas da Seguridade Social, caderno, talonario ou tarxeta bancaria...),

  • así como aquela que vai resultar útil nos procedementos xudiciais (documentos acreditativos dos ingresos e dos gastos familiares: nóminas, xustificantes de pago de horas extras, recibos do aluguer, facturas de electricidade, teléfono, seguro médico, pediatras, farmacia, supermercado, gastos de escolaridade dos fillos e das fillas e actividades extraescolares; documentos acreditativos de agresións anteriores: denuncias, informes médicos, sentenzas...).

  • Conserva todos os xustificantes dos gastos que se produzan como consecuencia da agresión (gastos médicos, farmacéuticos, desprazamentos...). Toda esta documentación necesitarala para acreditar os danos económicos que a agresión supuxo e reclamar o seu importe ao agresor.


Se se produciron lesións físicas, ademais das anteriores actuacións, é conveniente que sigas as seguintes recomendacións:

  • Acode a un centro médico-sanitario. O parte médico de urxencias será remitido ao Xulgado de Garda. É conveniente que expliques con precisión todas e cada unha das lesións sufridas, se tamén te forzou a manter relacións sexuais e se tes sinais de agresións anteriores.

  • Toma fotografías das lesións. Ten en conta que é posible que pasen días ata que sexas citada polo xulgado para que o/a médico/a forense examine as lesións sufridas e para entón estas poden desaparecer totalmente. Será de gran axuda que ti poidas achegar fotografías nas que se poidan observar as lesións tal e como eran nos días inmediatamente posteriores á agresión.

  • Acode ao/á medico/a de familia, pon no seu coñecemento os feitos sucedidos para que poida realizar un seguimento das lesións. Non esquezas que estas últimas son tanto as físicas como as psíquicas.

  • Garda copia de todas as receitas e informes médicos, é moi importante que teñas no teu poder documentos médicos acreditativos de todas as consultas e asistencias médicas que necesites para curar as túas lesións.

  • Se fuches obrigada a manter relacións sexuais non te laves e acode ao servizo de urxencias ou de xinecoloxía do hospital, e explícalles de que xeito ocorreron os feitos sen avergoñarte por iso.


Se tras a ruptura segues sendo acosada:


Pode acontecer que tras decidires romper a relación, o agresor se resista a perder o control sobre ti: perseguíndote, vixiándote, chamándote constantemente, atemorizándote, molestando a familiares e amigos, desprestixiándote laboralmente, ameazándote con suicidarse ou facer dano a un ser querido... Todos estes actos que afectan á túa vida social, laboral e persoal, son indicadores dunha posible acción violenta.


Ante esta situación:

  • Denuncia a situación.

  • Evita calquera contacto con el.

  • Non aceptes nunca un encontro a soas.

  • Evita estar soa.




3.2. Como se acredita unha situación de violencia de xénero


Para os efectos da Lei 11/2007, galega para prevención e tratamento integral da violencia de xénero, a situación de violencia acreditarase por calquera das seguintes formas:

  • Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, ou testemuño ou copia autenticada pola secretaria ou polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

  • Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas nesta lei.

  • Certificación e/ou informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración publica autonómica ou local.

  • Certificación dos servizos de acollida da Administración publica autonómica ou local.

  • Informe do ministerio fiscal que indique a existencia de indicios de violencia.

  • Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

  • Calquera outra que se estableza regulamentariamente.



3.3. Recomendacións ante unha situación de maltrato


A mellor recomendación é buscar axuda. Podes atopala nos Centros de Información ás Mulleres e asociacións especializadas que che informarán e apoiarán nas actuacións que debes levar a cabo.


Se eres do noso concello ou da contorna, podes acudir ao CIM da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes.

Rúa L. Xoxardo, s/n Ordes 15680 - A Coruna Tlf: 981 682 108 cim@mancomunidadeordes.gal 43° 4' 34.0572" N - 8° 24' 27.7992" W

Se estás a sufrir violencia de xénero e convives co agresor, convén que sigas algunhas recomendación para reducir o perigo de posibles agresións.


Plan de seguridade

Cando se produza ou creas que se pode producir unha nova agresión:

  • Evita estar en lugares nos que o agresor poida acceder a obxectos perigosos, como a cociña.

  • Permanece nunha habitación fóra do alcance do agresor e próxima á porta da rúa co fin de facilitarche a saída do domicilio.

  • Refúxiate coas túas fillas e fillos na casa dun veciño/a.

  • Pecha todas as entradas se o agresor saíu do lugar.

  • Inventa unha linguaxe de signos ou sinais que che permita comunicarlles aos teus fillos/as o momento no que deben saír do domicilio familiar e acudir á casa dun veciño ou veciña onde poidan refuxiarse e pedir axuda.

  • Pon en coñecemento dalgún veciño/a da túa confianza a túa situación e pídelle que chame á policía no momento en que oia calquera suceso violento no domicilio familiar.

  • Pensa no domicilio dalgunha persoa amiga ou familiar onde refuxiarte ata que non exista risco e poidas regresar ao teu domicilio. Se non contas con ningunha persoa que poida axudarche, localiza con anterioridade o enderezo e o teléfono dos servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero onde poderás pedir axuda e un aloxamento de urxencia. Teléfono de información ás mulleres: 900-400-273.

  • Ensínalles aos teus fillos/as a marcar o teléfono de urxencias (112) onde poderás solicitar o auxilio da policía, garda civil, servizos médicos de urxencias...


Ten sempre a man:

  1. Documento Nacional de Identidade (tarxeta de residencia ou pasaporte se es estranxeira).

  2. Un xogo de chaves de reserva do domicilio e do coche.

  3. Un xogo de roupa para ti e os teus fillos e fillas.

  4. Carta ou tarxetas sanitarias.

  5. Axenda de teléfonos na que debes incluír todos os teléfonos de amizades ou familiares que poidan apoiarte así como os números de teléfonos de Centros de Información ás Mulleres ou asociacións ás que podes chamar solicitando axuda.

  6. Contrato de compra-venda ou arrendamento da vivenda.

  7. Libro de familia.

  8. Denuncias e informes médicos de agresións anteriores.

  9. Caderno, talonario e/ou tarxetas bancarias.

  10. Documentos que acrediten os ingresos e os gastos familiares.


Ten en conta que é conveniente que contes cunha cantidade de diñeiro que che permita facer fronte aos gastos teus e dos teus fillos/as ata que haxa, se é o caso, unha resolución xudicial que fixe unha achega económica por parte da túa parella ou cónxuxe. Se é posible ten unha pequena cantidade de diñeiro aforrada.


Se o teu teléfono grava os últimos números marcados, cando realices algunha chamada pedindo información ou axuda en relación coa situación de maltrato, ten a precaución de marcar posteriormente un número de teléfono que non infunda sospeitas ao agresor, o de amizades ou familiares, para evitar que o agresor descubra o número ao que realmente chamaches.


Fonte: Consellería de Igualdade da Xunta e Ministerio de Igualdade do Goberno de España



bottom of page