top of page

MullerCerceda - Capítulo 2: Repercusión, previsión e recuperación da violencia de xénero

A violencia contra a muller ten unha serie de síntomas e problemas como consecuencia das agresións sufridas. No capítulo 1 repasamos os diferentes tipos e manifestacións de maltratos e de violencias que sufren as mulleres.


Coñecer as secuelas que provoca a violencia de xénero axuda a comprender o inferno que sufre unha vítima, as repercusión na súa saúde física e mental e as consecuencias derivadas de todo elo.



2.1. Repercusión do maltrato na saúde


O "síndrome da muller maltratada" é unha das repercusións máis habituais. A muller adopta unha actitude pasiva por medo e para evitar novas agresións cara ela ou as súas fillas ou xente cercana.


As experiencias de maltrato provocan:

  • Ansiedade

  • Alteracións psicosomáticas

  • Sentimentos depresivos

  • Disfuncións sexuais

  • Condutas aditivas

  • Dificultades nas súas relacións persoais.

Pódense equiparar os efectos que unha muller maltratada pode sufrir ao "trastorno de estrés postraumático".


Síntomas de reexperimentación da situación vivida.

  • Evitación persistente de síntomas asociados co trauma e restrición afectiva.

  • Síntomas persistentes do aumento da activación fisiolóxica: dificultades para conciliar o sono, irritabilidade, dificultades para concentrarse, etc.

  • Angustia por percepción de ameaza real para a propia vida, pánico ante a anticipación da presenza do maltratador, imaxes e lembranzas indesexadas así como pesadelos, hiperactivación fisiolóxica sensación de estar controlada e vixiada constantemente, medo a deixar de ser obxecto de amor, medo a equivocarse, a sufrir e facer sufrir, etc…

  • Depresión por percepción de culpabilidade, por evocar esa situación de maltrato, ante o dano que poida xerar o seu estado anímico ao benestar dos fillos/fillas. Autocastigo, tristeza, dor, pena, rabia, desesperanza, fatiga, baixa autoestima, baixa autoimaxe, desmotivación, inseguridade, vergoña, sentimento de inferioridade e medo ao castigo que pode proporcionar a sociedade.

Como consecuencia destas doencias de saúde mental as vítimas de violencia de xénero teñen repercusións en todos os ámbitos da súa vida, polo que os problemas de saúde que sofre unha persoa maltratada fan mella no seu normal desenvolvemento.


Problemas asociados á vida laboral e ás relacións e vínculos profesionais como a xestión das responsabilidades, a xestión do estrés ou a mala xestión de conflitos con compañeiros de traballo que son consecuencia do maltrato recibido e que anulan as súas capacidades profesionais.


Problemas relacionais e/ou sentimentais. Á hora de iniciar novos vínculos pode ser un enorme problema para vítimas recordar situacións vividas que son traumáticas e que inflúen nas forma de relacionarse con outras persoas.


Estas novas relacións ou vínculos con persoas poden xurdir desde o apego negativo e unha falsa sensación de "salvación" por parte de outras persoas o que provoca unha dependencia emocional negativa para todas as partes e que alarga o problema da vítima.


Moitas vítimas de violencia de xénero sofren problemas derivados de abusos ou agresións sexuais que dificultan a súa saúde sexual e non lle permiten ter unhas relacións satisfactorias. A repercusión vai máis alá dos problemas fisiolóxicos que tamén causan as agresións sexuais, que poden ter unha enorme gravidade, senón que tamén teñen influencia en situacións onde lle pode resultar traumático a temática sexual.


Máis alá de todo isto, cada caso de maltrato ten as súas peculiaridades propias e as súas repercusións propias que poden ir máis alá dos síntomas mencionados.




2.2. Prevención da violencia de xénero


As persoas non son violentas ou maltratadoras de forma innata. Un home convértese en maltratador polos mecanismos estruturais de dominancia machista que aprende desde pequeno.


Precísase educar en igualdade, desterrando os mitos e estereotipos de "home" ou de "muller", e ligado a temas como sexualidade e xénero para evitar menosprezos a homes e mulleres que non se adaptan ao modelo clásico de masculinidade ou feminidade.


Unha educación onde se traballe a intelixencia emocional e responsabilidade afectiva nas relacións persoais fomentando a empatía, a resolución pacífica de conflitos e unha autoestima sana é básico para erradicar a violencia de xénero. Falar de relacións persoais, sentimentais ou sexuais ensinando como crear vínculos saudábeis para non caer en relacións tóxicas e actitudes tóxicas que deriven en violencia de xénero.


Ensinar a nenos e nenas os pilares básicos unha relación sa, a detectar comportamentos propios ou alleos que son perigosos ou síntomas de provocar ou sufrir maltrato. Ensinar referentes de información, ensinar o que está ben ou mal, a establecer límites e acordos sentimentais con outras persoas e ensinar a pedir axuda cando o precisen.


Non fai falta unha educación só para as nenas e nenos, a violencia de xénero é un proceso cíclico no que a propia vítima adoita descoñecer que está a sufrir maltrato. Para previlo temos que prestar atención a pequenos detalles, situacións ou sinais de alerta tanto de que sufrimos maltrato como de que o estamos a provocar.


Nesta prevención habería que facer unha especial atención e modificar as condutas maltratadoras, para non poñer foco na vítima senón no agresor. Facer ver actitudes, comentarios, situacións ou incluso silencios que son sinónimo de maltrato á outras persoas. O machismo está instalado na nosa sociedade de forma estrutural, e pode que lendo isto de decates de que cometes moitos erros, mais de iso se trata, de corrixir e previr para non chegar máis lonxe.


Entendido que o foco está no agresor e non na vítima, adóitase dotar de máis ferramentas ás vítimas para detectar se están a sufrir maltrato, xa que un maltratador pode ser consciente de que está a selo e aínda así non ter remordementos.


Que che revisen o teu móbil ou redes sociais, que non te permita traballar, mostra celos de forma continua, controla a túa forma de vestir... Son sinais de que podes estar sufrindo violencia de xénero. Non hai mellor prevención que decatarse a tempo de que algo non vai polo camiño que queres, necesitas ou desexas.


Ao vivir este proceso pouco a pouco, xa que poden ser pequenos detalles ou situacións que pasan inadvertidas pola vítima, a moitas mulleres cóstalle darse de conta de que están a sufrir maltrato e polo tanto a pedir axuda.


Nos seguintes capítulos revisaremos a fondo conceptos que poden axudar na prevención da violencia de xénero.




2.3. Recuperación das vítimas


Cada caso debe ser analizado de forma individual, mais o habitual é que precise axuda terapéutica ou psicolóxica. Normalmente a decisión de saír dunha relación violenta é un proceso largo e que pode ter varias tentativas, e precisa dun período de reflexión.


A partires da ruptura adóitase traballar na redución da ansiedade producida polo maltrato, e que pode manifestarse de diferentes formas: insomnio, agorafobia, crises de pánico... así como no fomento da autonomía psicolóxica, na procura de emprego e recuperando apoios sociais e familiares.


Unha consecuencia moi habitual das vítimas de violencia e xénero é a baixa autoestima e a confusión tras sentir como "normais" actitudes de manipulación e culpabilización. Despois de unha ruptura tamén debemos traballar en coñecer os nosos sentimentos e necesidades, sabendo que é o que queremos na nosa vida é máis doado identificar como chegar a ese punto.


É moi importante tratar de recuperar partes da nosa vida, vínculos sociais e sentimentais, vida laboral e ocio que deixamos de lado como consecuencia do maltrato, mais todos os novos vínculos relacionais con outras persoas deberían partir desde o auto coidado, a autoestima e as necesidades persoais.


Construír novos vínculos como substitutos dunha relación tóxica ou tormentosa na que sufrimos violencia e facelo de forma precipitada, pode alargar os nosos problemas e facernos caer en outros tipos de relacións insáns.


Nos próximos capítulos afondaremos en consellos para crear relacións e vínculos saudábeis.


Fonte: Consellería de Igualdade da Xunta





bottom of page