O Concello de Cerceda ten entre as súas prioridades promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre homes e mulleres, así como a participación e a integración das mulleres na vida social, cultural, económica e política do municipio.
Algunhas das medidas que cómpre salientarmos e que conforman algúns pasos importantes para facermos de Cerceda un municipio máis igualitario foron a creación dunha escola infantil municipal, coa que tamén contribuímos á conciliación da vida laboral, persoal e familiar, ou a elaboración do I Plan municipal de igualdade de oportunidades.
Para avanzarmos aínda máis neste camiño e compartirmos un futuro en igualdade, incorporamos o II Plan de Igualdade comarcal. Á par da súa elaboración e da aplicación das medidas que este recolle, o Concello de Cerceda continúa desenvolvendo políticas que incorporan a perspectiva de xénero en todos aqueles ámbitos en que ten competencia.
Desde a administración local, pola nosa proximidade á poboación, son moitas as iniciativas que podemos e queremos desenvolver para construírmos entre todas un concello máis igualitario e contribuírmos tamén deste xeito á erradicación da violencia de xénero.















